Norma de protección de datos dos doantes

This page is a translated version of the page Donor privacy policy and the translation is 100% complete.

Esta páxina recolle a norma de protección de datos dos doantes da Fundación Wikimedia. Podes facer unha doazón á Fundación Wikimedia en donate.wikimedia.org.

Ten en conta, por favor, que se houbese discrepancias entre unha versión da norma de protección de datos de doantes en Meta e a versión en inglés da norma no wiki da Fundación Wikimedia, prevalecerá a versión en inglés do wiki da Fundación.

A norma da Wikimedia sobre a protección de datos dos doantes

Dámosche a benvida!

Dámosche a benvida á norma de protección de datos dos doantes da Fundación Wikimedia. A Fundación Wikimedia (WMF) implementou esta norma para protexer o dereito á privacidade dos nosos doantes. Ben sabemos que os nosos doantes teñen unha gran preocupación sobre como se usan e se divulgan os seus datos persoais, e temos un máximo interese en manter a privacidade e a seguridade dos nosos doantes. Esta norma de protección de datos dos doantes aborda como recollemos, empregamos, mantemos, protexemos e divulgamos os datos dos doantes. Por favor, le con calma esta norma e le tamén as nosas Condicións de uso. Nunca venderemos, trocaremos ou alugaremos datos persoais teus que non sexan públicos.

Información importante

Ao faceres unha doazón á Fundación aceptas que collamos, transfiramos, procesemos, gardemos, revelemos e usemos os teus datos nos Estados Unidos ou cara aos Estados Unidos (EUA), ou en ou cara outros lugares que se cadra teñen leis de protección de datos diferentes ou menos estritas cás do teu país, con arranxo aos propósitos que se sinalan nesta norma. Se non estás de acordo cos termos desta norma de protección de datos dos doantes ou coas condicións de uso da Fundación Wikimedia, por favor, deixa de usar agora mesmo os servizos de captación de fondos da Wikimedia (que se definen aí embaixo).

Definicións

WMF”, “Fundación”, “Wikimedia”,“nós”, “nos”, e “noso” refírense á Fundación Wikimedia.

Norma de protección de datos dos doantes” e “norma” fan referencia a este documento.

Os "datos persoais" son os datos que nos proporcionas, ou que collemos nós dos servizos de captación de fondos que te identifican ou poden servir para identificarte. Recibimos algúns ou todos estes tipos de datos persoais de ti grazas a que usas os servizos de captación de fondos da Wikimedia: o nome, os datos de contacto (como o enderezo postal, o teléfono, o enderezo de correo electrónico, o contrasinal ou o número de carné ou o equivalente documento emitido polo goberno), datos financeiros (como o número da túa conta bancaria), datos do dispositivo (como por exemplo o enderezo IP ou información de axente de usuario do navegador web), datos demográficos (como a idade ou o xénero) e información sobre os teus intereses e outras actividades de participación.

Os "servizos de captación de fondos da Wikimedia" son webs de captación de fondos da Fundación Wikimedia, como donate.wikimedia.org ou como correos da Fundación sobre captación de fondos, ou báneres noutros webs da Fundación Wikimedia que buscan a captación de fondos.

Que cobre esta norma?

Esta norma de protección de datos dos doantes comprende a recollida, transferencia, tratamento, almacenaxe, divulgación e uso de datos persoais e non persoais que apañamos sobre ti durante o proceso de doazón á Fundación Wikimedia e grazas ás túas interaccións cos serviços de captación de fondos da Wikimedia (“datos dos doantes”). Esta norma "non cobre" a recollida, transferencia, tratamento, almacenaxe, divulgación e uso dos teus datos relacionados coa utilización noutros proxectos ou recursos da Wikimedia, como a Wikipedia. Para máis información verbo das normas de protección de datos xerais da Fundación, consulta a nosa norma de protección de datos. Esta norma tampouco cobre a recollida, transferencia, tratamento, almacenaxe, divulgación e uso de datos persoais teus durante o proceso de doazón a unha entidade vencellada á Wikimedia, coma un capítulo local, ou durante outros contactos que teñas con esa entidade vencellada. Para máis información sobre como xestionan a protección de datos esas entidades, consulta as súas correspondentes normas de protección de datos.

Que datos recollemos?

Grazas á túa interacción coas nosas páxinas de doazón, sexa por faceres unha doazón, por participares nunha enquisa aos doantes ou por nos dares a túa opinión sobre o sistema de doazóns, ou en xeral por usares os servizos de captación de fondos da Wikimedia, a Fundación pode recoller algúns datos persoais, como acabamos de sinalar. Tamén podemos recoller eses datos persoais sobre doantes estadounidenses a partir de bases de datos públicas ou bases de datos comerciais.

Tamén podemos recoller algún datos non persoais, como por exemplo:

  • a páxina de web que te mandou ás nosas páxinas de doazón
  • a cantidade que doaches
  • en que páxinas (das nosas) clicaches e visitaches
  • a data e a hora de cada interacción que fixeches nas nosas páxinas de doazón
  • os teus comentarios e suxestións
  • o intercambio de mensaxes entre ti e a Fundación
  • algún outra información que nos proporciones

Gardamos confidencialmente tanto a información persoal como a non-persoal dos doantes, o que quere dicir que non divulgamos esta información fóra da Fundación Wikimedia agás nas circunstancias que permite esta norma ou de forma anónima ou desidentificada.

Rastros e outras tecnoloxías de rastrexo

Cando interactúas cos servizos de captación de fondos da Wikimedia, pode que empreguemos técnicas de recollida automática de datos e outras tecnoloxías de almacenaxe local de datos como píxeles de rastrexo, JavaScript, rastros, ou almacenaxe local para recoller determinadas informacións do teu dispositivo.

A Fundación emprega rastros e outros datos almacenados localmente para mellorar a túa experiencia de doante. Tamén empregamos esta información para crear un espazo máis seguro en internet e para entender mellor cales son as preferencias dos doantes e o seu xeito de interactuaren cos servizos de captación de datos da Wikimedia. En xeral, empregamos os rastros e outros datos almacenados en local para:

  • Axudar o propósito dos servizos de captación de fondos da Wikimedia e ofrecerche contidos novos e máis relevantes para ti.
  • Proporcionarche unha experiencia adaptada a ti coa almaxenaxe de preferencias de modo que poidas usalas na vindeira ocasión en que visites os servizos de captación de fondos da Wikimedia.
  • Analizar o rendemento dos procesos de doazón de modo que podemos entender mellor como traballan e melloralos para ti e para outros doantes da Wikimedia.
  • Analizar interaccións cos correos de captación de fondos para que poidamos facer máis preciso e mellor o proceso de doazón.

Para máis información sobre o uso de rastros e de técnicas de rastrexo semellantes, bótalle un ollo por favor á nosa Declaración de rastos.

Límite á recollida de datos mediante trazos e outras técnicas de rastrexo

Cremos que a recollida destes datos axuda a mellorar a túa experiencia de doante; con todo, podes eliminar ou desactivar todos ou algúns dos rastros na configuración do navegador. Se ben non é unha listaxe exhaustiva, podes limitar o uso de rastros e doutros datos almacenados localmente no teu dispositivo:

  • Borrando ou desactivando datos de almacenaxe local específicos na configuración do teu navegador.
  • Utilizando un navegador que bloquee os rastros de terceiros.
  • Instalando un complemento de extensión (plugin) para bloquear a almacenaxe local de datos, se é que o hai.

Malia que é posible facer doazóns á Wikimedia a través dos servizos de captación de fondos sen usar rastros e sen usar outros datos almacenados localmente, leva conta de que borrar ou desactivar estas funcionalidades pode afectar a túa navegación deses sitios e a personalización da túa experiencia.

Non me rastrexes (Do Not Track)

A Wikimedia ten un forte compromiso coa protección da información que recollemos de todos os nosos doantes. Non compartimos esta información con terceiros, agás nas circunstancias específicas que se describen na sección de "Divulgación de datos dos doantes" desta norma. Non mudamos o noso comportamento cando recibimos un marcador de Non me rastrexes dun navegador; ben ao contrario, por defecto proporcionámoslle o mesmo nivel de protección á información que recollemos de calquera doante. Para máis información sobre os marcadores de "non me rastrexes", visita por favor Non nos rastrexes e a especificación "non me rastrexes" do Consorcio da World Wide Web.

Como empregamos a información dos doantes?

Utilizamos a información que recollemos de ti para propósitos administrativos xerais e para xestionar os procesos de captación de fondos. Estas tarefas inclúen:

  • xestionar os servizos de captación de fondos da Wikimedia;
  • manterte ao tanto sobre próximos eventos de captación de fondos e sobre outras actividades da Fundación;
  • agradecerche as doazóns; e
  • configurar as túas escollas de lingua.

Realizamos as devanditas actividades para xestionar a nosa relación contractual contigo e por conta dos nosos intereses lexítimos na xestión dos servizos de captación de datos da Fundación.

Tamén usamos a información que recollemos de ti para cumprir as nosas distintas obrigas de contabilidade e produción de informes. Entre elas están:

  • enviar comprobantes de doazón;
  • manter as funcionalidades de testaxe dos rexistros internos;
  • cumprir coas demandas tributarias do goberno dos Estados Unidos
  • informar os correspondentes departamentos gobernamentais, como nos esixe a lei; e
  • comunicarche mudanzas significativas nesta norma ou nas normas relacionadas.

Realizamos as devanditas tarefas para cumprir as nosas obrigas legais e por conta dos nosos lexítimos intereses ao xestionar os procesos de doazón.

E utilizamos a información que apañamos de ti para mellorar e actualizar os servizos de captación de datos da Wikimedia. Entre eses traballos está:

  • personalizar os contidos;
  • entender o interese que teñen os doantes na Fundación;
  • mellorar os esforzos e o proceso de captación de fondos;
  • realizar análises internas, como por exemplo análises estatísticas e investigacións científicas;
  • proporcionando unha maior seguranza; e
  • facer sondaxes e informes de avaliación.

Levamos a cabo as devanditas actividades por conta dos nosos lexítimos intereses, como mellorar e protexer os esforzos e procesos de captación de fondos.

O acceso á información dos doantes

A Fundación traballa en serio tratando e conservando os datos das persoas doantes. Se queres solicitar o acceso, a corrección, a actualización, a supresión, a restrición ou o borrado da información persoal que temos sobre ti, se queres que non tratemos os teus datos persoais, ou se che gustaría solicitar unha copia dixital dos datos que temos de ti para pasárllos a outra entidade (na medida en que este dereito de transmisión che estea garantido pola lexislación correspondente), por favor, pídenolo en donate wikimedia org. Se ben tentaremos satisfacer as túas demandas no que se poida, haberá algunhas circunstancias en que non se poida (como por exemplo se non somos quen de comprobar axeitadamente a túa identidade para darche acceso a uns determinados datos persoais, cando temos a obriga legal de gardar a información, ou cando non teñamos a capacidade tecnolóxica de alterar ou de borrar eses datos). Xa que logo, que che resolvamos favorablemente estas solicitudes dependerá dunha decisión da Wikimedia.

Todos os correos que se envíen en relación aos servizos de captación de fondos da Wikimedia (agás os comprobantes de pagamento e os avisos administrativos) inclúen unha opción de desubscribirse. Se queres mudar as túas preferencias de avisos, ti directamente ou un representante autorizado, podes contactarnos por correo a donate wikimedia org cando queiras ou podes clicar na ligazón para desubscribirse que atoparás no correo que che chega de nós.

Divulgación dos datos dos doantes

É moi entendible que as persoas que doan queiran permanecer no anonimato, e facemos o que se pode para satisfacer esa vontade e gardar o secreto. Con todo, nalgúns casos concretos pode que divulguemos a información dos doantes, mais sempre seguindo as regras que listamos aquí abaixo. Nunca venderemos, trocaremos nin alugaremos os teus datos persoais non públicos.

Co teu permiso.  Co teu consentimento, pode que compartamos os teus datos cun propósito particular. Por exemplo, podemos darche como doante a opción de que o teu nome vaia publicamente asociado á doazón que fixeches.

De xeito anónimo. Podemos publicar ou divulgar datos de doantes de forma anonimizada. Por exemplo, podemos publicar datos agrupados e anonimizados para que se vexan as tendencias nas doazóns.

Comentarios e suxestións. Podemos publicar os comentarios ou as suxestións que os doantes nos fan de xeito anónimo, mesmo en produtos promocionais. No caso improbable de que publiquemos esa información mencionando as persoas doantes, só o faremos cun consentimento por escrito.

Procesadoras de pagamentos en liña". Para facilitar as doazóns en liña chegamos a acordos con empresas procesadoras de pagamentos. Cando fas doazóns á Wikimedia mediante os servizos de captación de fondos da Fundación, xa sexa cunha tarxeta de crédito, cunha tarxeta de débito, ou con outros métodos de pagamento en liña, es ti quen lle transmites os datos de pagamento directamente á empresa procesadora do pagamento. Facemos todo o que podemos para cerciorarnos, mediante pactos contractuais e outros mecanismos, que estas firmas de xestión de pagamentos preservan a confidencialidade dos teus datos. De todos os xeitos, ten en conta de que a Fundación non se responsabiliza do que realmente fan na práctica estas empresas polo que respecta á protección de datos; por favor, consulta as normas de protección de datos da empresa procesadora de pagamentos correspondente para saber máis sobre como fai as cousas.

Outros provedoras de servizo. Utilizamos provedoras de servizo externas e empresas contratadas para que nos axuden coa organización e a distribución dos servizos de captación de fondos da Wikimedia; noutros casos axúdannos a que traballen as páxinas de doazón ou a mellorar a túa experiencia nelas. Pode que lles deamos a acceso a estas provedoras ou empresas contratadas aos teus datos persoais ou non persoais, se cómpre facelo para que leven a cabo os traballos que lles pedimos ou para utilizarmos as súas ferramentas e servizos. Aínda que non podemos asegurar a protección de datos ou a seguranza dos servizos proporcionados por estas provedoras externas, facemos o que podemos para cerciorarnos, mediante pactos contractuais e outros mecanismos, de que estas provedoras de servizo e empresas contratadas tratan os teus datos en coherencia cos principios desta norma, e nunca de xeito menos garantista.

Por obriga legal. Algunhas veces, pero poucas, pode que gardemos, revelemos ou accedamos aos teus datos persoais se cremos razoablemente que cómpre facelo para obedecer un requirimento, unha citación, unha orde dos xulgados, unha lei ou un regulamento, ou calquera orde xudicial ou administrativa que sexa legalmente válida e conforme a dereito. Con todo, se cremos que unha petición concreta para revelar información dun usuario non é legalmente válida ou é un abuso do sistema legal, e a persoa doadora afectada non pretende oporse persoalmente a esa divulgación, faremos o que poidamos para sermos nós os que nos opoñamos a ela. A Fundación comprométese a notificarche por correo electrónico no prazo de dez (10) días naturais, cando sexa posible, antes de divulgar os teus datos persoais en resposta a unha solicitude legal. Non obstante, só poderemos darche aviso se temos o teu correo electrónico, se non nos prohibiron legalmente poñernos en contacto contigo, e se ao facelo non creamos ou aumentamos un risco real para a túa persoa.

Ningunha disposición desta norma de protección de datos está destinada a limitar as proteccións legais ou os recursos que poidas presentar ante as solicitudes de terceiros (sexan civís, penais ou administrativas) para que lles revelemos os teus datos. Recomendámosche que procures asesoramento legal inmediatamente se te ves involucrado nunha solicitude nese sentido.

Se a organización muda de mans. No caso moi, pero que moi improbable de que muden os propietarios de toda ou dunha parte substancial da Fundación, ou de que nos vexamos abocados a unha restruturación (como unha fusión, unha concentración ou unha adquisición), pode ser que os teus datos persoais sexan transferidos tamén. Deixarémosche aviso nos webs da Wikimedia e mandarémosche unha mensaxe comunicándocho en [$wikimediaannounce WikimediaAnnounce-L] ou nunha listaxe de distribución semellante polo menos trinta (30) días naturais antes de transferir datos persoais ningúns, ou de que estes queden rexidos por unha norma nova e distinta de protección de datos de doantes.

Para protexerte a ti, a nosoutros, ou os demais. Se cómpre, pode que teñamos que usar ou divulgar os teus datos persoais para combater ou investigar posibles infraccións das nosas Condicións de uso, desta norma de protección de datos dos doantes, ou de calquera norma da Fundación ou das comunidades de usuarios; para investigar e defendernos ante accións ou ameazas legais; para evitar importantes e inminentes danos físicos a unha persoa, mesmo a morte; para protexer a nosa organización, os empregados, as empresas contratadas por nós, as persoas usuarias, ou o público xeral; ou para detectar, evitar, ou en xeral avaliar e combater correo non desexado, software pernicioso, fraude, abusos, actividades ilegais ou riscos de seguridade e técnicos.

Como protexemos a túa información de doante?

Para asegurarnos de que existe un nivel alto de seguranza e de confidencialidade, a Fundación Wikimedia emprega un abano medidas físicas, administrativas e técnicas, así como normas e procedementos para protexer os teus datos persoais e financeiros de accesos, usos, modificacións, divulgacións, ou destrucións non autorizadas. Con todo, debes ser consciente de que ningún sistema de almacenaxe ou comunicación de datos é 100% seguro. Polo tanto, non podemos garantir que os nosos protocolos de seguranza non vaian ser violados.

Durante canto tempo gardamos a túa información de doante?

Cando recibimos os teus datos persoais gardámolos o menor tempo posible (tendo en conta que debemos manter, comprender e mellorar o proceso de doazón da Wikimedia, así como as nosas obrigas coa lei dos Estados Unidos).

Se queres saber máis sobre como facemos en xeral na Wikimedia para gardar os datos nos proxectos da Wikimedia, consulta os guieiros para a conservación dos datos.

Entidades vencelladas á Wikimedia

As entidades vencelladas á Wikimedia (coma os capítulos locais) son organizacións independentes que ás veces argallan as súas propias campañas de captación de fondos. Se ben algunhas destas entidades vencelladas poden darlle unha parte dos cartos que conseguen á Fundación Wikimedia, a Fundación non participa de ningún xeito nas doazóns que se lles fan a estas entidades. As entidades vencelladas á Wikimedia teñen cadansúa norma de protección de datos e as súas formas de facer as cousas que son distintas as unhas das outras, e que dependen de requisitos legais locais e doutras consideracións. Explicitamente, esta norma non cobre as doazóns que se lles fagan a esas entidades.

Modificacións desta norma de protección de datos dos doantes

De cando en cando, pode que teñamos que mudar esta norma para reflectir con precisión a nosa forma de recoller e divulgar datos. Gardámonos o dereito de facelo, e daremos aviso desas modificacións cunha antelación razoable e do xeito máis adecuado. Animámoste a que cunha certa regularidade revises a última versión desta nosa norma de protección de datos dos doantes.

Que sigas a usar os servizos de captación de datos da Wikimedia despois da data de entrada en vigor de calquera versión posterior desta norma significa que aceptas esta norma de protección de datos dos doantes.

Contacta connosco

A Fundación apreza a opinión dos nosos doantes verbo dos servizos e das normas que temos. Se tes algunha dúbida ou queres facer unha suxestión sobre esta norma, ou sobre os datos que apañamos con arranxo a esta norma de protección de datos dos doantes, queremos escoitarte. Vai á nosa páxina de contacto para saber como podes falar connosco. Se queres saber máis sobre como protexemos os datos nos proxectos da Wikimedia, bótalle un ollo por favor á norma xeral de protección de datos.

Dependendo da xurisdición á que te acollas, pode que ademais teñas dereito a presentar unha reclamación formal perante as autoridades de fiscalización do teu país ou rexión.

Esta norma de protección de datos dos doantes entrou en vigor o 15 de abril de 2019. Podes consultar as versións antigas da norma aquí embaixo:

Norma de protección de datos dos doantes (Febreiro de 2017)

Norma de protección de datos dos doantes (Setembro de 2011)

Norma de protección de datos dos doantes (Xullo de 2011)

Norma de protección de datos dos doantes (2009)

Ten en conta que, en caso de existir algunha discrepancia de significado ou de interpretación entre a versión orixinal en inglés desta norma de protección de datos e unha tradución, a que vai prevalecer é a versión orixinal en inglés.

Páxinas relacionadas coa protección de datos